domingo, 29 de xuño de 2014

PRESENTACIÓN DO PROGRAMA DA HOMENAXE





O venres 27 de xuño tivo lugar a presentación do Programa da Homenaxe a Miro Casabella. O acto desenvolveuse  no Parque de Ferreira do Valadouro onde a Comisión Organizadora estivo acompañada polos representantes das institucións que patrocinan esta actividade: a concelleira de Cultura do Concello de Ferreira do Valadouro, María Xosé Fernández e o Vicepresidente 1º da Deputación de Lugo, Antonio Veiga Outeiro.
PROGRAMA DE ACTOS
sábado 5 de xullo de 2014

13 horas, Praza de Ferreira do Valadouro:
Acto de colocación dunha placa na casa natal de Miro Casabella.
Actuación do Grupo da Asociación Amado Lar e intervencións protocolarias.

14:30 horas, Parque de Ferreira do Valadouro:
Xantar popular baixo un toldo
Para poder participar neste xantar temos  á disposición das perosoas interesadas unha  tarxeta (20 euros).
Agasallaráse a todas as persoas que participen co libro-CD "Miro Casabella e a nova  canción galega".
Á hora do café intervirán: Vicente Araguas, Lois Diéguez , Manuel Lourenzo, Arturo Mogo e David Otero.

19 horas, Praza de Ferreira do Valadouro:
Concerto "Por ceibar a voz"
Intervirán:
-A QUENLLA
-ARCADIO
-BIEITO ROMERO
-DAVID BELLAS
-GARCÍA/LEO
-PILOCHA
-QUINTAS CANELLA
-TINO BAZ
-XICO DE CARIÑO E Mª XOSÉ LÓPEZ
-MIRO CASABELLA
O concerto, de entrada libre, será presentado por MIGUEL VILA e MARINA OURAL.


mércores, 23 de abril de 2014

POR CEIBAR A VOZ


HOMENAXE A MIRO CASABELLA EN RIBADEO

O vindeiro 5 de xullo arredor dunha vintena de asociacións culturais organizan un acto de recoñecemento ao cantante Miro Casabella en Ferreira do Valadouro.
Como  preámbulo, en Ribadeo, este venres tamén terán lugar actividades encamiñadas a homenaxar a súa figura.

Quérese sobre todo poñer en valor o labor de recuperación democrática e de pensamento  galeguista e  nacionalista ao que contribuíron figuras da canción galega na  época do tardo franquismo e a chamada transición.
Nomes como Voces Ceibes, Fuxan os Ventos, Movemento da Canción Popular Galega…forman parte dun imaxinario colectivo non sempre valorado e coñecido  no noso país . As súas foron músicas que acompañaron tempos reivindicativos, nos que se puxeron os alicerces para alcanzar dereitos que hoxe nos rouban. O abandono do rural, a emigración, a desprotección do medio natural , o querer reducir a nosa cultura ao falsamente folclórico…iso é o hoxe que estamos a vivir.
Onte, organizacións centradas no país mobilizáronse contra por ex., a cota empresarial aos labregos, a construción dunha piscifactoria en Baldaio, as expropiacións nas Encrobas ou, xa concretamente na Mariña, a construción dunha central nuclear en Xove.
Son tempos pois tamén de VOLVER CEIBAR A VOZ. E a homenaxe a Miro Casabella enténdese tamén dese xeito.
A data elixida, o venres 25 de abril, é tamén simbólica pola repercusión que a Revolución do Cravos en 1974 en Portugal tivo para os movementos sociais e políticos galegos da época.
Os actos do venres en  Ribadeo consistirán nunha exposición fotográfica na rúa peoníl que recolle imaxes de mobilizacións sociais e de traballos discográficos da época. Esta pequena mostra estará colocada desde a mañá á noite.
Ás 21.00 h e logo dun pasarrúas desde o Cantón con componentes do grupo de música tradicional da A.C. Tumba e Dálle actuarán á entrada do Teatro as pandereteiras da A.C. Alesancia.
Haberá reparto de caraveis vermellos e postais  e darase comezo a un  concerto que incluirá as actuacións de Tundal, grupo do componente de Fuxan os Ventos Antón Castro, a xove promesa ribadense  Carmen Rguez , que versionará un tema de Miro e o virtuoso gaiteiro do Conservatorio de Viveiro David Bellas que, entre outras pezas, interpretará unha peza escrita en homenaxe. Ademais, farán lecturas  Eliseo García Bouso  (Agrupación Cultural Francisco Lanza, Ribadeo)  e Tamara Rubiños  (colectivo cultural Ollomao, Barreiros) 
Presenta o xornalista Xosé  Salgado Agrelo (Asoc. M de Meira )
Contando coa colaboración do Concello de Ribadeo e a Área de Cultura da Deputación de Lugo, na organización deste evento participan as seguintes entidades: A.C. Arrincadeira de Riotorto, A.C. M de Meira, Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros, A.C. Os tres pés de Trabada, Irmandade San Caetano de Barreiros, Observatorio da Mariña pola Igualdade , Tumba e Dálle de Barreiros, A.C. Francisco Lanza, Azou, Alesancia e Musiqueando  de Ribadeo


Ribadeo, 23 de abril de 2014.

luns, 24 de marzo de 2014

A HOMENAXE A MIRO CASABELLA, O 5 DE XULLO

A Comisión que está a organizar a Homenaxe a Miro Casabella xa ten unha data: será o primeiro sábado do mes de xullo, o día 5, e todos os actos se desenvolverán en Ferreira do Valadouro.
Nos vindeiros días esta comisión dará a coñecer o programa de actos.
Mentras tanto, todas aquelas asociacións, entidades ou persoas que queiran apoiar esta Homenaxe ao músico do Valadouro, poden comunicalo enviando unha mensaxe  ao seguinte enderezo de correo electrónico: homenaxeamirocasabella@gmail.com.

domingo, 16 de febreiro de 2014

APOIAN A HOMENAXE...




Damos conta das primeiras comunicacións de apoio a esta homenaxe. A primeira, a do SEMINARIO DE ESTUDOS DO VALADOURO. E na reunión de hoxe deuse conta dos da Asociación XERMOLOS 
( Guitiriz ) , da IRMANDADE MANUEL MARÍA, da asociación AZOU ( Ribadeo ) e do colectivo Xebra ( Burela ).
Imos sumando...
Para manifestar o voso apoio a esta homenaxe podedes facelo enviando unha mensaxe a este blogue ou ao seguinte enderezo
homenaxeamirocasabella@gmail.com
  



Nace unha proposta...








Co remate do ano 2013 nace unha proposta: organizar no Valadouro unha homenaxe a Miro Casabella. A inciativa parte dun colectivo de Viveiro, PENSAMENTO E SEMENTEIRA que convoca a primeira das reunións o día 11 de xaneiro de 2014 na casa da Cultura de Ferreira do Valadouro.
Nesta primeira xuntanza participan os seguintes colectivos e persoas:
Colectivo Cultural OLLOMAO ( Barreiros ), AVENTADOS ( San Cibrao ), MARIÑAPATRIMONIO, O MUNDO DE GALEA,  A.C. OS CASTROS ( Cangas ), LIGA CÉLTICA GALAICA, A.C. AMADO LAR ( Ferreira do Valadouro ), CASAHAMLET,S.L.,CLUBE CULTURAL ELSINORE, A. IRMANDADE SAN CAETANO ( Celeiro de Mariñaos ), Colectivo Cultural BURIL ( Burela ), Ponte Fores, Daniel Caxigueiro, Emilio Méndez ( Finca Galea ), Manuel Lourenzo, Carlos López Otero, Evaristo Maseda, José H. Martinez Mosqueira, Arturo Mogo, Celso Dourado, ademais da entidade convocante, o Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA ( Viveiro ).
Non poden asistir mais apoian esta proposta a A. C. FRANCISCO LANZA (Ribadeo ) e o SEMINARIO DE ESTUDOS DO VALADOURO.
Nesta reunión elíxese unha Comisión Organizadora que xestionará apoios diante das institucións ( concellos e Deputación de Lugo ) e convócase unha nova reunión en febreiro para concretar o programa da Homenaxe a Miro Casabella.


HOMENAXE A MIRO CASABELLA








"A traxectoria artísica de Miro Casabella como compositor e cantante está estreitamente vencellada ao movemento da Nova Canción Galega e á historia contemporánea de Galicia. Dende a súa intensa etapa con Voces Ceibes, a finais da década de 1960, ata a súa participación no grupo Doa e logo o regreso en solitario despois duns anos de silencio, Miro Casabella puxo música e voz á poesía galega medieval e aos poetas galegos contemporáneos. Comprometido co país, coa cultura e co idioma galego, algunhas das súas cancións son xa himnos, símbolos dun tempo"

( Da contraportada do libro de Xan Fraga "Miro Casabella e a nova canción galega" ( Editorial Galaxia, Vigo, 2008 ).