mércores, 23 de abril de 2014

POR CEIBAR A VOZ


HOMENAXE A MIRO CASABELLA EN RIBADEO

O vindeiro 5 de xullo arredor dunha vintena de asociacións culturais organizan un acto de recoñecemento ao cantante Miro Casabella en Ferreira do Valadouro.
Como  preámbulo, en Ribadeo, este venres tamén terán lugar actividades encamiñadas a homenaxar a súa figura.

Quérese sobre todo poñer en valor o labor de recuperación democrática e de pensamento  galeguista e  nacionalista ao que contribuíron figuras da canción galega na  época do tardo franquismo e a chamada transición.
Nomes como Voces Ceibes, Fuxan os Ventos, Movemento da Canción Popular Galega…forman parte dun imaxinario colectivo non sempre valorado e coñecido  no noso país . As súas foron músicas que acompañaron tempos reivindicativos, nos que se puxeron os alicerces para alcanzar dereitos que hoxe nos rouban. O abandono do rural, a emigración, a desprotección do medio natural , o querer reducir a nosa cultura ao falsamente folclórico…iso é o hoxe que estamos a vivir.
Onte, organizacións centradas no país mobilizáronse contra por ex., a cota empresarial aos labregos, a construción dunha piscifactoria en Baldaio, as expropiacións nas Encrobas ou, xa concretamente na Mariña, a construción dunha central nuclear en Xove.
Son tempos pois tamén de VOLVER CEIBAR A VOZ. E a homenaxe a Miro Casabella enténdese tamén dese xeito.
A data elixida, o venres 25 de abril, é tamén simbólica pola repercusión que a Revolución do Cravos en 1974 en Portugal tivo para os movementos sociais e políticos galegos da época.
Os actos do venres en  Ribadeo consistirán nunha exposición fotográfica na rúa peoníl que recolle imaxes de mobilizacións sociais e de traballos discográficos da época. Esta pequena mostra estará colocada desde a mañá á noite.
Ás 21.00 h e logo dun pasarrúas desde o Cantón con componentes do grupo de música tradicional da A.C. Tumba e Dálle actuarán á entrada do Teatro as pandereteiras da A.C. Alesancia.
Haberá reparto de caraveis vermellos e postais  e darase comezo a un  concerto que incluirá as actuacións de Tundal, grupo do componente de Fuxan os Ventos Antón Castro, a xove promesa ribadense  Carmen Rguez , que versionará un tema de Miro e o virtuoso gaiteiro do Conservatorio de Viveiro David Bellas que, entre outras pezas, interpretará unha peza escrita en homenaxe. Ademais, farán lecturas  Eliseo García Bouso  (Agrupación Cultural Francisco Lanza, Ribadeo)  e Tamara Rubiños  (colectivo cultural Ollomao, Barreiros) 
Presenta o xornalista Xosé  Salgado Agrelo (Asoc. M de Meira )
Contando coa colaboración do Concello de Ribadeo e a Área de Cultura da Deputación de Lugo, na organización deste evento participan as seguintes entidades: A.C. Arrincadeira de Riotorto, A.C. M de Meira, Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros, A.C. Os tres pés de Trabada, Irmandade San Caetano de Barreiros, Observatorio da Mariña pola Igualdade , Tumba e Dálle de Barreiros, A.C. Francisco Lanza, Azou, Alesancia e Musiqueando  de Ribadeo


Ribadeo, 23 de abril de 2014.

Ningún comentario:

Publicar un comentario